Sesión de traballo, parladoiro, malla de ideas, foliada creativa…

 

En outubro deste ano quixemos organizar as VII xornadas galegas de educación ambiental co título “A Educación Ambiental: un servizo público?”, pero por algún motivo que se nos escapa non conseguimos masa crítica… Certo é que nunca movimos grandes continxentes, mais neste caso, a baixa participación levounos a pensar sobre o que acontecía a nivel xeral; e nunha rápida posta en común da experiencia multimilitante puidemos contrastar o elevado número de asociacións que, alén de escasa capacidade de convocatoria, case que se manteñen vivas con respiración artificial, no mellor dos casos…

Levamos varios anos -na sgea e noutras moitas asociacións- falando e laiándonos da falta de relevo xeneracional, da falta de participación, da ausencia de xente nova, etc. Posto que é unha preocupación compartida, e ten moito que ver, tanto coas políticas públicas (fío condutor das non-xornadas) como coa falta de estratexias de educación (en xeral, e de Educación Ambiental en particular), que vos parece se compartimos un espazo de debate para falar sobre isto e comezar a buscar solucións?

Na SGEA estamos a organizar unha sesión de traballo, parladoiro, malla de ideas, foliada creativa, … na que:

1. Expoñer cal é a situación actual (unha crise do modelo asociativo?),

2. Debater sobre o que se podería facer,

3. Propoñer para os seguintes meses a organización conxunta dunhas xornadas nas que tratar dunha forma máis ampla todas as dimensións do problema e poñer en marcha liñas de acción para tentar solventalo.

Convidamos as asociacións que pensamos poden estar interesadas (ámbito educativo e ecoloxista, mais tamén cultural e xuvenil….)

Esperamos poder contar coa vosa participación,o sábado 4 de febreiro de 10:30 a 14:00h, en Santiago de Compostela; confirmade a vosa asistencia ou aclarade calquera dúbida no correo sgea@sgea.org ou no teléfono: 619484395

Anuncios