Da malla de ideas á asemblea da SGEA

 

O sábado 4 celebramos, no CIAC de Compostela, a Asemblea Anual da Sociedade Galega de Educación Ambiental, un evento sempre especial porque aínda que nos pon a traballar e a remover moito a cabeza, é un espazo de encontro, de afectos, de proxectos compartidos e de ilusións que nos recarga de enerxía.

Este ano foi unha asemblea moi particular, polo feito de que entroncaba con todo o traballo previo da mañá, con todas as reflexións e propostas que xurdiron da Foliada Creativa. Boa xente de colectivos diversos (Federación Ecoloxista Galega, Verdegaia, Asociación de Ensinantes de Ciencias da Terra, Asociación Medioambiental de Vedra, Tadega, A Casa das Árbores, Nova Escola Galega, Colectivo Barriotopía e da propia SGEA) dialogamos sobre educación ambiental e asociacionismo, sensibles á crise do sector asociativo e ás novas formas de organización e participación social que están a emerxer nos tempos actuais. Do diálogo xurdiron pensares e sentires que foron derivando en propostas concretas de acción, unha sabedoría colectiva que aproveitar no traballo da tarde.

Despois dun xantar compartido e do parladoiro informal arredor dun café, comezamos ás 16:30 a nosa asemblea anual. Coa participación de 11 das persoas sociais, repasamos e puxemos en valor o moito traballo realizado no 2016 e a partir de aí pensamos nas tarefas pendentes e nas novas propostas –formativas, de comunicación, de reivindicación- para o 2017. Finalmente, dedicamos un espazo específico a acordar os pasos a seguir na resposta colectiva ante os abusos e precariedade que observamos nos concursos públicos de xestión de equipamentos de EA, unha das nosas preocupación destes tempos.

Xentiña da SGEA, estade pendente estes días aos vosos correos porque iremos facéndoos chegar o informe de actividade e contas do 2017, así como a acta da asemblea do sábado.

Moitas gracias a todas e todos os que tedes colaborado neste encontro, a participación é o motor que nos move, que nos mantén activas e que nos reconecta con todas esas novas formas de loita social.

Unha aperta grande!