Adíase o Curso de Marketing dixital

Por falta de inscripcións decidimos adiar o curso para ver se noutra ocasión somos suficientes para poder sacarlle todo o partido que merece!!
Agradecer a Cristina o esforzo.

Avisaremos de próximas convocatorias…

Anuncios

Curso de Marketing Dixital para entidades sociais

Na túa asociación tedes web, blogue, Facebook, etc., e non sabes xa que facer para non tolear? Resúltache un misterio a linguaxe das redes sociais e non sabes porque non te funcionan ben? Tes unha páxina de Facebook pero non consigues poñela a funcionar e conectar con quen te interesa?

Se respondiches ‘sí’ a estas preguntas e tes outras na cabeza, a resposta é anotarte no Curso de Marketing Dixital para entidades sociais que oferta a SGEA! Será unha boa introdución para comezar a experimentar pola túa conta co enorme potencial das distintas técnicas e plataformas que os profesionais deste ramo empregan cada día útil para ti, para os teus proxectos e para a túa asociación.

Ubicación e horarios

O sábado 18 de novembro no CSC de Fontiñas en Santiago de Compostela, de 10:30 a 14:00 h e de 17:00 a 20:30 horas

Canto custa?

20€ para socias e socios da SGEA e 25€ se non o sodes 😉

En que consiste?

Comezaremos por explicar que é (e que non é) o Marketing Dixital, que campos e especialidades forman parte deste ecosistema e como funcionan os buscadores. Faremos ao mesmo tempo un repaso de termos e conceptos técnicos imprescindibles neste ramo da Comunicación.

Exploraremos a nosa audiencia para saber se o seu perfil corresponde ao do noso público obxectivo ideal e levaremos a cabo unha auditoría colaborativa da presencia online da asociación para detectar oportunidades de mellora.

No seguinte bloco, elaboraremos un bosquexo de Plan de Marketing Dixital básico contemplando obxectivos, tipos de público, plataformas de difusión, tipos de contidos e técnicas de análise e evaluación dos resultados. De seguido, poñerémonos mans á obra e realizaremos entre todxs algunhas melloras básicas nas nosas canles de comunicación (páxina web, Facebook, etc.) e experimentaremos con diversos tipos de contido (pezas para blogue, contidos en Redes Sociais, elementos visuais e multimedia, etc).

O curso será eminentemente práctico e en equipo, con dinámicas colaborativas e procurando sempre a máxima participación das asistentes. Para facilitar o traballo durante e despois do curso, utilizaremos ferramentas gratuitas como Google Analytics, Semrush, Hootsuite, etc. Ademáis, o material que utilicemos (presentación, ligazóns útiles, infografías, vídeos, capturas de pantalla, etc) estará dispoñible en liña para o alumnado a través de Drive.

Quen o imparte?

Cristina Marchán, xornalista especializada en Marketing Dixital. Visita o seu perfil de LinkedIn para saber máis.

Da malla de ideas á asemblea da SGEA

 

O sábado 4 celebramos, no CIAC de Compostela, a Asemblea Anual da Sociedade Galega de Educación Ambiental, un evento sempre especial porque aínda que nos pon a traballar e a remover moito a cabeza, é un espazo de encontro, de afectos, de proxectos compartidos e de ilusións que nos recarga de enerxía.

Este ano foi unha asemblea moi particular, polo feito de que entroncaba con todo o traballo previo da mañá, con todas as reflexións e propostas que xurdiron da Foliada Creativa. Boa xente de colectivos diversos (Federación Ecoloxista Galega, Verdegaia, Asociación de Ensinantes de Ciencias da Terra, Asociación Medioambiental de Vedra, Tadega, A Casa das Árbores, Nova Escola Galega, Colectivo Barriotopía e da propia SGEA) dialogamos sobre educación ambiental e asociacionismo, sensibles á crise do sector asociativo e ás novas formas de organización e participación social que están a emerxer nos tempos actuais. Do diálogo xurdiron pensares e sentires que foron derivando en propostas concretas de acción, unha sabedoría colectiva que aproveitar no traballo da tarde.

Despois dun xantar compartido e do parladoiro informal arredor dun café, comezamos ás 16:30 a nosa asemblea anual. Coa participación de 11 das persoas sociais, repasamos e puxemos en valor o moito traballo realizado no 2016 e a partir de aí pensamos nas tarefas pendentes e nas novas propostas –formativas, de comunicación, de reivindicación- para o 2017. Finalmente, dedicamos un espazo específico a acordar os pasos a seguir na resposta colectiva ante os abusos e precariedade que observamos nos concursos públicos de xestión de equipamentos de EA, unha das nosas preocupación destes tempos.

Xentiña da SGEA, estade pendente estes días aos vosos correos porque iremos facéndoos chegar o informe de actividade e contas do 2017, así como a acta da asemblea do sábado.

Moitas gracias a todas e todos os que tedes colaborado neste encontro, a participación é o motor que nos move, que nos mantén activas e que nos reconecta con todas esas novas formas de loita social.

Unha aperta grande!

Sesión de traballo, parladoiro, malla de ideas, foliada creativa…

 

En outubro deste ano quixemos organizar as VII xornadas galegas de educación ambiental co título “A Educación Ambiental: un servizo público?”, pero por algún motivo que se nos escapa non conseguimos masa crítica… Certo é que nunca movimos grandes continxentes, mais neste caso, a baixa participación levounos a pensar sobre o que acontecía a nivel xeral; e nunha rápida posta en común da experiencia multimilitante puidemos contrastar o elevado número de asociacións que, alén de escasa capacidade de convocatoria, case que se manteñen vivas con respiración artificial, no mellor dos casos…

Levamos varios anos -na sgea e noutras moitas asociacións- falando e laiándonos da falta de relevo xeneracional, da falta de participación, da ausencia de xente nova, etc. Posto que é unha preocupación compartida, e ten moito que ver, tanto coas políticas públicas (fío condutor das non-xornadas) como coa falta de estratexias de educación (en xeral, e de Educación Ambiental en particular), que vos parece se compartimos un espazo de debate para falar sobre isto e comezar a buscar solucións?

Na SGEA estamos a organizar unha sesión de traballo, parladoiro, malla de ideas, foliada creativa, … na que:

1. Expoñer cal é a situación actual (unha crise do modelo asociativo?),

2. Debater sobre o que se podería facer,

3. Propoñer para os seguintes meses a organización conxunta dunhas xornadas nas que tratar dunha forma máis ampla todas as dimensións do problema e poñer en marcha liñas de acción para tentar solventalo.

Convidamos as asociacións que pensamos poden estar interesadas (ámbito educativo e ecoloxista, mais tamén cultural e xuvenil….)

Esperamos poder contar coa vosa participación,o sábado 4 de febreiro de 10:30 a 14:00h, en Santiago de Compostela; confirmade a vosa asistencia ou aclarade calquera dúbida no correo sgea@sgea.org ou no teléfono: 619484395

Mesa debate 2. A Educación Ambiental no ensino público.

Esta semana tentaremos recoller preguntas para a mesa debate a educación ambiental no ensino. Como xa fomos explicando, estas preguntas se lles fara chegar aos ponentes da mesa, que neste caso será alguén da consellería, algunha mestra do ensino público en activo, alguén da nova escola galega e alguén dalgún proxecto de escola libre. En canto estean todas confirmadas xa as presentaremos.
A EA aparece de xeito transversal no sistema educativo, o que fai que a súa presenza estea ligada á vontade do profesorado no mellor dos casos. Mais están a aparecer iniciativas de escolas libres que tratan a EA de xeitos moi distintos
Entón queremos valorar o papel da EA no sistema educativo e os novos escenarios que se abren.
Participa na conformación das preguntas da mesa!!

Mesa debate 1: Políticas públicas de Educación Ambiental

Formularemos preguntas en torno a cada espazo de debate, os mOderadorxs responsables desas mesas faranllas chegar aos participantes da mesma. Podes facer as preguntas aquÍ no blogue, no noso Facebook ou a través do correo electrónico da SGEA: sgea@sgea.org

Esta semana, políticas públicas de Educación Ambiental.

A Educación Ambiental é un elemento anecdótico dentro das políticas públicas da administración. Non están contemplada nen sequera como un elemento estratéxico da acción política.

Tentaremos coñecer a opinion das distintas administracións, concellos, deputación, consellería,… e distintos partidos ao respecto da EA como servizo público e como elemento estratéxico das súas políticas.

DEIXANOS A TÚA PREGUNTA!!