Curso de Marketing Dixital para entidades sociais

Na túa asociación tedes web, blogue, Facebook, etc., e non sabes xa que facer para non tolear? Resúltache un misterio a linguaxe das redes sociais e non sabes porque non te funcionan ben? Tes unha páxina de Facebook pero non consigues poñela a funcionar e conectar con quen te interesa?

Se respondiches ‘sí’ a estas preguntas e tes outras na cabeza, a resposta é anotarte no Curso de Marketing Dixital para entidades sociais que oferta a SGEA! Será unha boa introdución para comezar a experimentar pola túa conta co enorme potencial das distintas técnicas e plataformas que os profesionais deste ramo empregan cada día útil para ti, para os teus proxectos e para a túa asociación.

Ubicación e horarios

O sábado 18 de novembro no CSC de Fontiñas en Santiago de Compostela, de 10:30 a 14:00 h e de 17:00 a 20:30 horas

Canto custa?

20€ para socias e socios da SGEA e 25€ se non o sodes 😉

En que consiste?

Comezaremos por explicar que é (e que non é) o Marketing Dixital, que campos e especialidades forman parte deste ecosistema e como funcionan os buscadores. Faremos ao mesmo tempo un repaso de termos e conceptos técnicos imprescindibles neste ramo da Comunicación.

Exploraremos a nosa audiencia para saber se o seu perfil corresponde ao do noso público obxectivo ideal e levaremos a cabo unha auditoría colaborativa da presencia online da asociación para detectar oportunidades de mellora.

No seguinte bloco, elaboraremos un bosquexo de Plan de Marketing Dixital básico contemplando obxectivos, tipos de público, plataformas de difusión, tipos de contidos e técnicas de análise e evaluación dos resultados. De seguido, poñerémonos mans á obra e realizaremos entre todxs algunhas melloras básicas nas nosas canles de comunicación (páxina web, Facebook, etc.) e experimentaremos con diversos tipos de contido (pezas para blogue, contidos en Redes Sociais, elementos visuais e multimedia, etc).

O curso será eminentemente práctico e en equipo, con dinámicas colaborativas e procurando sempre a máxima participación das asistentes. Para facilitar o traballo durante e despois do curso, utilizaremos ferramentas gratuitas como Google Analytics, Semrush, Hootsuite, etc. Ademáis, o material que utilicemos (presentación, ligazóns útiles, infografías, vídeos, capturas de pantalla, etc) estará dispoñible en liña para o alumnado a través de Drive.

Quen o imparte?

Cristina Marchán, xornalista especializada en Marketing Dixital. Visita o seu perfil de LinkedIn para saber máis.